Blog do BNG de San Sadurniño

23.3.06

O BNG pón enriba da mesa o problema da inseguridade da nosa rede viaria

A seguridade das pistas e estradas que sucan San Sadurniño é unha das principais preocupacións do BNG, e así o fixo saber o grupo municipal a través de varias mocións e rogos presentadas en pleno. Mellora na sinalización, colocación de espellos en cruces perigosos, o desbroce dalgúns tramos e unha campaña de educación vial para os rapaces son algunhas das propostas elaboradas polos nacionalistas.


Segundo manifestou o Bloque, o Concello carece dos medios necesarios para evitar que na súa rede viaria se produzan accidentes anque si se deberían tomar algunhas precaucións para que non cheguen a producirse. Unha das principais medidas que se deberían poñer en marcha é a de colocar máis sinais de tráfico indicando trazados perigosos e límites de velocidade.

Secundino García argumentou o razoamento do BNG coas peticións achegadas por varios veciños que demandan máis indicadores e, nalgúns casos, tamén espellos convexos para facilitar a incorporación a vías con mala visibilidade. Para García “moitas veces as preocupacións dos nosos veciños son estes pequenos problemas faciles de resolver”.

O BNG recoñeceu que nos últimos anos “houbo unha mellora considerable neste aspecto e en algúns casos por iniciativa do noso grupo”. O voceiro nacionalista levou a pleno a adopción de dous acordos que contribúan a ter estradas máis seguras. O primeiro deles solicitaba que se incluíse unha partida nos orzamentos municipais para colocar espellos en todos os cruces con pouca visibilidade e tamén sinais con límites de velocidade. A segunda proposta céntrase en que o Concello organice unhas xornadas de seguridade vial para que as nenas e os nenos aprendan a ser peóns e tamén futuros conductores máis prudentes.

A moción nacionalista foi aprobada por unanimidade, anque o PP condicionou o primeiro punto –o da colocación dos sinais e dos espellos- “ao previo estudo da situación actual e do custe da actuación”. Secundino Casal afirmou estar satisfeito co acordo acadado, aínda que matizou que a enmenda popular “está fóra de lugar, xa que á seguridade dos conductores e dos viandantes non se lle pode poñer prezo”.

Pola súa banda, Manuel Varela tamén presentou no primeiro pleno ordinario do ano dous rogos referidos á seguridade das estradas. No primeiro deles, o concelleiro do Bloque pediu que se estudase o cambio de lugar do sinal de ceda o paso que hai no cruce de Pereiras con Cabanas, na parroquia de Naraío.

Na actualidade o ceda o paso dalle preferencia aos coches que veñen desde Pereiras malia ser esta estrada a que soporta menos tráfico. Pola contra, os que veñen da parte de Cabanas camiño ao Eirexado deben deter a súa marcha a pesar de que esta é unha das principais vías de acceso a Naraío. “Parece lóxico que a estrada preferente debera ser a de máis circulación e non a outra, tal e como está hoxe. Esta situación foi a que nos levou a solicitar que se estude a posibilidade de que o sinal de ceda o paso se coloque para os vehículos que veñen desde o lugar de Pereiras”, aclarou Varela.

1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

casadelos
Por qué Paco Rodriguez non pactou ningunha partida co PSOE para o tren ó Porto Exterior de Ferrol?. Xa veredes como nos próximos días para quedar ben presenta unha alegación ós presupostos do Estado pedindo algún euro para o Tren ó Porto Exterior, pero que ó non tela pactada, será rexeitada.

Paco Rodriguez o gran demagogo.

Por qúe Paco Rodriguez, non pactou ningunha partida para trasladar de sitio a estación de ferrocarril de Ferrol e soterrar ás vías como recolle o programa do BNG para ás eleccións municipais de Ferrol, para posibilitar unir San Xoán e sAnta Maríña co Inferniño?. Pola contra pacta unha partida para que non se poida realizar esa proposta de trasladar a Estación. Pacta un lavado de cara para a estación e facer a vía do Ave ata a Ponte das Cabras. Que ten que dicir o BNG de Ferrol diante dese desproposito de Paco Rodriguez? Menos mal que só nos quedan cinco meses de aturalo

07 Novembro, 2007 08:48

 

Enviar um comentário

<< Home