Blog do BNG de San Sadurniño

28.9.05

O PP "TRAGA" COAS CONDICIÓNS DA CASA DE ALBA PARA A CESIÓN DO CASTELO DE NARAÍO


O BNG reunirase coa conselleira de Cultura para solicitarlle axudas de cara á rehabilitación da fortaleza


A historia do castelo de Naraío é o conto de nunca acabar. Expoliado durante séculos para aproveitar as súas pedras e comesto polos toxos, espera agora que se lle dea solución ao seu estado de abandono. Desde o 1995 o BNG presentou ducias de peticións, preguntas e mocións perante o Concello, a Xunta e mesmo o Parlamento do Estado para saber cal era a situación deste exemplo de patrimonio esmorecente e para demandar a súa recuperación. A posible solución chegou este mesmo ano coa proposta de cesión do castelo por parte da casa de Alba. Porén na oferta hai trampa: o concello sería usufructuario durante trinta anos sen garantías por escrito de prórroga e, ademáis, o acordo impide optar ás subvencións ministeriais con cargo ao 1% cultural.


En abril deste ano apareceu nun xornal galego unha reportaxe na que se recollía que o castelo de Naraio era o último edificio medieval en Galiza que a Casa de Alba tiña previsto cederlle a unha Administración Pública.

O día primeiro de xuño entrou no rexistro deste Concello un borrador da escritura de cesión de usufructo do Castelo de Naraio por parte da Fundación Casa de Alba. Xunto con ela viña unha carta asinada polo Vicepresidente da Fundación, Carlos Fitz-James Stuart, e dirixida ao alcalde, Constantino Bedoya, comunicándolle que proximamente contactarían co Concello para concretar as datas para a sinatura da cesión.

Ata aquí todo perfecto. Porén, logo dunha revisión exhaustiva das condicións propostas pola Casa de Alba, o BNG considera que o acordo non é tan bo como semella. Segundo o concelleiro Manuel Varela "os gastos derivados da cesión serán por conta do Concello, obrigase tamén ao Concello a tramitar o correspondente expedente de dominio para inmatricular o Castelo no Rexistro de Propiedade a favor da Fundación". Ademáis, segundo indica o concelleiro do BNG, "o Concello terá que asumir todos os gastos que xenere dito expedente e, por se fose pouco, a cesión do usufructo do Castelo é por un prazo de tan só trinta anos".

O BNG de San Sadurniño tamén se pregunta se "son estas as negociacións que realizou o Sr. Alcalde". Manuel Varela lévalle facendo un seguemento rigoroso ao asunto do castelo desde hai máis de dez anos. Varela sinala que o trasfondo deste mal acordo vén propiciado polo incumprimento sistemático da Lei do Patrimonio Cultural de Galiza
que lles esixe aos propietarios de bens catalogados como patrimonio a conservalos, coidalos e protexelos para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda.
O concelleiro do BNG cita a lei cando se refire a que "o incumprimento das obrigas de protección e conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa dos bens declarados e catalogados pola Administración competente".

De feito, a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza prevé sancións de entre 60.000 e 150.000 euros para os propietarios de bens que incumpran o seu deber de conservación. Segundo Varela "esta é a vergoñenta situación na que se atopa o indefenso patrimonio cultural galego, para logo virnos estos “dubidosos” propietarios a cedernos por un tempo irrisorio un elemento do noso patrimonio para que con cartos públicos llelo amañemos". Así e todo, Varela tamén indicou que a día de hoxe "hai a seguridade de que os novos responsables da Consellaría de Cultura -que está xestionada polo BNG- lle poñan freo a esta situación".

Entre as esixencias que o grupo municipal do BNG lle fixo ao alcalde de San Sadurniño no pleno celebrado no mes de xuño están a de que "reconsidere este documento -en referenza ao acordo de cesión redactado pola casa de Alba- para non hipotecar o futuro do castelo de Naraío".
Ademáis, o BNG tamén solicitou o acordo plenario para que Concello realizase as xestións oportunas de cara a que a cesión de usos do castelo sexa indefinida ou, alomenos, por un periodo de cen anos.

Finalmente o PP desestimou a proposta dos concelleiros do BNG e acordou seguir adiante co convenio nos termos en que o redactou a Fundación Casa de Alba. Manuel Varela laiouse da decisión tomada pola maioría "popular" manifestando que "esta é unha mostra máis da incapacidade negociaciadora dos que están a des-gobernar San Sadurniño".

Varela tamén engadiu que a cesión do castelo por trinta anos " podería impedir que o Concello conte coas subvencións que os Ministerios de Cultura e Fomento conceden con cargo ao 1% cultural para a rehabilitación de castelos, xa que estas só se conceden para bens de titulariedade pública ou cedidos por un tempo superior a cincuenta anos".

A pesares da “lamentable negociación do Sr. Alcalde e o seu grupo”, o BNG non deixa de traballar e tentará conseguir axudas doutras administracións públicas. Este concelleiro afirma que próximamente haberá unha reunión entre concelleiros do BNG de San Sadurniño e os responsables da Consellaria de Cultura –da que é titular a nacionalista Anxela Bugallo- e na que se tratará sobre a financiación para unha actuación “de urxencia“ neste importante Patrimonio Cultural.

5 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Noraboa pola iniciativa, nós andamos montando algo parecido. Botádelle un ollo:
http://bngbarco.blogspot.com

29 Setembro, 2005 11:07

 
Anonymous Anónimo said...

Esta mensagem foi removida por um administrador do blogue.

28 Setembro, 2005 17:22

 
Anonymous Anónimo said...

Parece que aínda estamos nos tempos do feudalismo. Hai que expropiar dunha vez.

07 Novembro, 2005 12:13

 
Anonymous Anónimo said...

Ten razón o que di que hai que expropialo. Ánimo aos do B.N.G de San Sadurniño, que sen eles esqueceríase o rico patrimonio dese Concello.

07 Janeiro, 2006 18:45

 
Anonymous Anónimo said...

For travellers:
Business travel agency, family cruises, international air travel, india travel tourism

12 Abril, 2007 01:58

 

Enviar um comentário

<< Home